Monday 29 de April de 2024

Máis de 300 persoas arroupan a Pablo Lago como candidato do PSOE á Alcaldía de Brión


• Lago explicou á veciñanza que ten elaborado “un Plan Integral para construírmos xuntos o Brión do futuro e que xa comezamos a avanzar neste último ano”

• Luís García, alcalde de Brión durante 43 anos, destacou que “Pablo é a persoa máis indicada para levar o timón de Brión durante os próximos catro anos”

O salón principal do Hotel Balneario Compostela (O Tremo) quedou pequeno para acoller a presentación de Pablo Lago Sanmartín como candidato á Alcaldía do Concello de Brión. Un acto no que estivo arroupado por máis de 300 veciños e veciñas, así como por Xosé Luís García García, alcalde de Brión durante 43 anos, e Bernardo Fernández Piñeiro, secretario xeral da Executiva Provincial do PSOE da Coruña.

Pablo Lago comezou agradecendo o apoio dos seus compañeiros de partido, en especial de José Luís García, dos traballadores municipais e da súa familia durante os dous últimos anos á fronte da Alcaldía de Brión. “Eu quérolle moito a Brión e por iso teño deseñado un plan para construírmos xuntos o Brión do futuro. Un plan que abrangue todos os aspectos: infraestruturas, medio ambiente, deporte, mocidade, terceira idade, crianzas, comercio, cultura…”, apuntou.

Proxectos de presente e futuro

Neste sentido, aproveitou a súa intervención para adiantar algúns deses proxectos, como o “Brión en verde”, que xa se comezou a aplicar co reforzo do servizo de limpeza e mantemento das áreas naturais e que continuará coa mellora das rutas de sendeirismo de todo o municipio, a creación dunha nova ruta que una as parroquias da Luaña e Cornanda, así como unha posta en valor da ruta do Pozo Negro.

En materia de infraestruturas, destacou o inicio dun programa de arranxo de estradas con aglomerado en quente. “onde xa comezamos a facelos dende o exterior cara o interior de Brión, ademais de aglomerar todas as urbanizacións da parroquia dos Ánxeles. E en marzo imos comezar por fin as obras no Cabo e Babenzo, así como outros 800.000 euros que temos previsto investir en 2023 para seguir mellorando a nosa rede viaria”.

A nivel deportivo e cultural, Pablo Lago salientou a mellora do céspede do campo de fútbol da Luaña ou do interior do polideportivo municipal, “agora xa temos en marcha a redacción do proxecto da remodelación integral do campo de fútbol de Bastavales e a creación dun circuíto circular en terra para os afeccionados ao atletismo”, así como a recuperar o proxecto do auditorio porque “un concello medra como o noso merece unha infraestrutura á altura da súa programación e que nos permita seguir medrando”.

Finalmente, de cara á veciñanza, Lago Sanmartín puxo en valor as melloras realizadas nos parques infantís de Bastavales, Os Ánxeles e no Inxerido, o primeiro parque cuberto do municipio. Un traballo que terá continuidade nas próximas semanas coa instalación do gran parque infantil cuberto de Lamiño así como melloras na parte alta do municipio. Así mesmo, anunciou que continuarán coa campaña de mellora dos locais sociais e teleclubs “porque somos conscientes do bo uso que facedes deles. Comezamos polo de Bastavales, seguiremos polo dos Ánxeles e despois os da parte alta”:

Apoio de Luís García

Pola súa parte, José Luís García asegurou que “Pablo sabe que conta co meu apoio dende que lle pedín que se sumara á miña candidatura no 2019. Pero agora sabe tamén que teno apoio unánime dos partido socialista de Brión e agardo que consiga tamén o da gran maioría dos veciños e veciñas de Brión o vindeiro mes de maio”. Así, asegura que “Pablo é unha persoa moi traballadora e, sobre todo, moi honesta, dúas características que ten que ter calquera que aspire a exercer un cargo público”.

Así, asegurou que “se de algo podo presumir nestes 43 anos como alcalde é de ter traballado con moita xente honrada e traballadoras. Persoas que están na política para o que hai que estar: para mellorar a calidade de vida dos seus veciños. E para min é un auténtico orgullo que a persoa que me sucedeu no cargo comparta eses mesmos valores. Por iso Pablo é a persoa máis indicada para levar o timón de Brión durante os catro próximos anos”.

Ao acto no Tremo tamén asistiron os alcaldes socialistas de Ames, Blas García; Oroso, Luís Rey; Negreira, Ángel Leis; e Dodro, Xabier Rey; así como o senador Manuel Mirás; a deputada autonómica Noa Díaz; ou o secretario comarcal do PSOE, Antonio Leira.